Proxecto 1º Bacharelato · Grupo 3

Árbores en Galicia

Galicia é terra de bosques, de carballos milenarios e soutos de castiñeiros. As árbores non son só natureza: son historia, cultura, mito e identidade. Este proxecto achega ao público o coñecemento do bosque galego na súa dimensión máis profunda.

Explora as seccións

Sección 01

Árbores e Cultura Galega

Relación histórica, ritos, crenzas e simbolismo

1.1 Relación histórica poboación-bosque

O bosque orixinal de Galicia

Hai miles de anos, case a totalidade do territorio galego estaba cuberto por bosques atlánticos. Estas masas forestais estaban formadas principalmente por carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros e outras especies autóctonas perfectamente adaptadas ao clima húmido e temperado de Galicia.

A superficie ocupada por bosques de forma natural en Galicia e gran parte da Europa Atlántica debía rozar o 100%. Na actualidade ese porcentaxe é moi inferior, o que fai que o Bosque Atlántico sexa un dos máis escasos e ameazados do mundo, relegado a zonas de difícil acceso como barrancos, ribeiras fluviais e ladeiras pedregosas.

O inicio da deforestación

A partir do V milenio a.C., as poboacións neolíticas comezaron a realizar queimas de bosques para abrir claros onde plantar cereais, o que en Galicia sucedeu en maior medida no sur. A desaparición de zonas de bosque provocou un incremento dos procesos erosivos debidos á acción humana, un proceso que non se detería durante milenios.

O uso do bosque ao longo da historia

Ao longo dos séculos, o bosque foi para os galegos moito máis ca un simple conxunto de árbores. Era un recurso fundamental que proporcionaba madeira para construír casas, barcos e ferramentas; leña para quentarse e cociñar; froitos para alimentar persoas e gando; e plantas medicinais para curar enfermidades. Case todos os aspectos da vida cotiá dunha aldea galega dependían dalgunha forma do monte.

O carballo: a árbore por excelencia de Galicia

A madeira do carballo é de excelente calidade e foi moi empregada na construción de embarcacións, trabes e estruturas das casas, travesas do camiño de ferro, e na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustible das lareiras e cociñas galegas.

A importancia do carballo na cultura galega vai moito máis alá do seu uso práctico. A súa presenza serviu tamén para darlle nome a aldeas, parroquias e municipios: Carballo, Carballeda, Carballiño e decenas máis repártense polas catro provincias galegas, demostrando até que punto esta árbore estaba integrada na identidade do pobo.

O castiñeiro e os soutos

O castiñeiro e a castaña forman parte da cultura, gastronomía, etnografía e historia galegas. A súa madeira empregouse na fabricación de mobles e trabes, e foi un alimento moi prezado, especialmente antes da chegada da pataca das Américas. En Galicia, a formación de castiñeiros para o aproveitamento de madeira e leña coñécese como souto, moi común nas provincias do interior. A recollida das castañas en outono daba lugar ao magosto, unha das festas máis arraigadas da cultura popular galega.

Deforestación e repoboación forestal

A actividade humana foi minguando os bosques naturais galegos ao longo de toda a historia. A alta produtividade forestal propiciou a repoboación con especies foráneas de rápido crecemento, fundamentalmente o eucalipto e o piñeiro, que substituíron en moitas zonas os bosques autóctonos de carballos e castiñeiros. Aínda que teñen valor económico, a súa presenza reduciu a biodiversidade e aumentou o risco de incendios forestais.

+1.000 Anos de vida do Castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda)
2.000 Aneis de crecemento do Carballo Grande de Cartelos
2000 Ano en que o Souto de Rozavales foi declarado Monumento Natural

1.2 Ritos, crenzas e simbolismo das árbores en Galiza

As árbores en Galicia teñen unha forte carga simbólica, relixiosa e cultural que se remonta a épocas moi antigas. Non eran só recursos naturais, senón tamén elementos centrais na vida espiritual, nos ritos populares e nas crenzas tradicionais.

As árbores como elementos sagrados

Nos territorios da antiga Gallaecia existían bosques sagradoslucus en latín— nos que se realizaban ritos relixiosos. Estes espazos estaban asociados a divindades da natureza e non podían ser alterados sen consecuencias. A conexión é tan profunda que o propio nome da cidade de Lugo deriva de Lucus Augusti, o bosque sagrado no que os romanos fundaron a cidade arredor do ano 14 a.C.

Crenzas populares arredor das árbores

Moitas crenzas arredor das árbores foron adaptándose co paso do tempo até mesturarse co cristianismo. Existían árbores protectoras, plantadas preto das casas para afastar o mal, e árbores ás que se atribuían propiedades curativas que ían máis alá do natural. Outras estaban vinculadas ao mundo espiritual da mitoloxía galega.

Xeralmente as árbores considerábanse beneficiosas: o loureiro, a oliveira, o carballo e as froiteiras recollíanse no refrán popular «Quen a boa árbore se achega, ben acubilla». Pola contra, durmir baixo a nogueira considerábase nocivo para as persoas e para as colleitas. Moitas árbores sagradas acabaron asociadas a santos cristiáns: o carballo de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz ou o carballo de Santo Antonio en Carballo, dos que a lenda di que botan sangue cando se lles fai unha ferida no tronco.

«Quen a boa árbore se achega, ben acubilla.»
— Refrán popular galego

O culto ao carballo

O carballo é a árbore sagrada de Galiza, herdanza dos pobos celtas que o veneraban como símbolo de fortaleza e curación. Para os celtas, ao chegar o inverno o carballo semellaba morto, polo que facían ofrendas para que rexurdise e con el toda a natureza. Tiñase como costume realizar reunións, comidas e bailes baixo a árbore para asegurar a protección da comunidade.

O teixo: entre a morte e a vida eterna

O teixo merece mención especial pola súa carga simbólica. Sagrado para os celtas, os druídas utilizábano para adiviñar o futuro. Os cristiáns plantárono nos cemiterios como símbolo da vida eterna. Os celtas do monte Medulio, os últimos defensores da independencia de Gallaecia fronte aos romanos, utilizárono para suicidarse colectivamente antes de renderse ao conquistador.

Rituais asociados ás árbores

As árbores eran protagonistas activos en moitos rituais da cultura galega. Os rituais de curación consistían en pasar entre troncos, pasar por baixo de ramas ou atar cintas e panos a certas árbores como forma de atadura para tratar enfermidades ou afastar meigallos.

1.3 O bosque na literatura, mitoloxía e imaxinario popular

O significado espiritual do bosque

Dende os tempos máis antigos, os bosques galegos foron moito máis ca un recurso material. Tiñan un profundo significado espiritual e simbólico. Todos os obxectos que arrodeaban a vida dunha persoa dende o nacemento até o enterro proviñan das árbores, polo que o sentido espiritual non era tampouco raro. A Igrexa Católica intentou, concilio tras concilio, desprestixiar o culto ás árbores procedente das vellas relixións, mais nunca desapareceu de todo.

Seres mitolóxicos do bosque galego — véase 3.2: O bosque como espazo comunitario →

O bosque era no imaxinario popular un lugar habitado por todo tipo de seres sobrenaturais. Aos nosos días chegan lendas e contos relacionados cos bosques e fragas: trasnos, meigas, fadas, lobishomes, mouros e mouras, a Santa Compaña, o Apalpador... Fálase mesmo de demos expulsados do ceo ás fragas.

A Santa Compaña é una procesión de ánimas en pena que vagan polos camiños e bosques nas noites máis pechadas. As carballeiras e os camiños entre árbores eran os escenarios favoritos das súas aparicións segundo a tradición oral. Os mouros e as mouras eran seres de posible orixe celta que, segundo a tradición, habitaban baixo a terra e eran coñecidos pola súa habilidade coa ourivaría. O Apalpador, a figura dun xigante carboeiro ligado á tradición do Nadal, vive nos bosques e baixa cada 31 de decembro ás aldeas para palpar a barriga dos nenos e comprobar se comeron dabondo.

O bosque na literatura galega

Eduardo Pondal (1835–1917) é probablemente o poeta que mellor representa a unión entre literatura e bosque. O seu poemario Queixumes dos pinos (1886) está cheo de referencias á paisaxe natural galega, onde os piñeiros, as carballeiras e as fragas actúan como símbolos da identidade e da liberdade. Foi ademais autor da letra do Himno Galego, orixinalmente titulado «Os Pinos», onde os piñeiros representan metaforicamente o pobo galego que debe espertar e loitar pola súa terra.

Rosalía de Castro (1837–1885), figura central do Rexurdimento, publicou en 1863 Cantares gallegos, obra inaugural da Literatura Galega Moderna, na que a natureza e a paisaxe rural están presentes como parte inseparable da identidade galega. Xa no século XX, Álvaro Cunqueiro (1911–1981) creou unha literatura chea de maxia onde os bosques e a natureza teñen sempre un papel protagonista, mesturando a tradición mítica galega coa fantasía literaria.

«Pinos, pombal da aurora, / da verde lanzal xentil, / acordade xa do sono, / bos pinos do Rei gentil!»
— Eduardo Pondal, Os Pinos (letra do Himno Galego)
Sección 02

Árbores Galegas

25 especies, festividades e libro de follas

2.1 As árbores galegas

Galicia acolle unha extraordinaria diversidade arbórea, froito do seu clima atlántico, a súa orixe xeolóxica e séculos de relación entre o ser humano e o monte. Cada árbore ten un nome, un simbolismo e unha historia propia. Explora o dicionario visual de árbores galegas:

2.2 Festividades asociadas ás árbores galegas

O calendario festivo galego está profundamente ligado ao ciclo das árbores e do bosque. Dende o solsticio de verán ata o corazón do outono, as comunidades galegas xuntáronse durante séculos ao redor do lume, baixo as carballeiras e nos soutos, para celebrar a vida, honrar os mortos e agradecer os froitos da terra. Estas festas non son simples acontecementos gastronómicos: son ritos de identidade que conectan ao pobo galego coa súa orixe atlántica e celta.

O Magosto: a festa do castiñeiro

O Magosto é, xunto co San Xoán, a festividade popular máis arraigada de Galicia. Celébrase entre o 1 de novembro (Día de Todos os Santos) e o 11 de novembro (San Martiño), como recolle o refrán: «Por San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño ou mosto». O nome probablemente vén do latín Magnus Ustus, «gran lume», aínda que a súa orixe exacta non está do todo clara.

O Magosto é moito máis que asar castañas: é un rito de raíces celtas que celebra o final das colleitas e honra os mortos. Segundo o antropólogo Manuel Mandianes, «as castañas son comida de mortos» en Galicia, pois representan a continuidade da vida a través da morte. Os seus tres elementos simbólicos fundamentais son as castañas —símbolo de inmortalidade, por vir de árbores lonxevas—, o viño novo —que representa a vida e a resurrección— e o lume —purificación e, para os celtas, símbolo do sol e da fecundidade.

O zoncho e o tizne: ritos do Magosto

Antigamente preparábase aos nenos un collar de castañas asadas chamado «zoncho», que colgaban do pescozo e ían comendo, pois a tradición di que por cada castaña comida un alma quedaba liberada do Purgatorio. Os participantes tamén se «emborréllaban» —tiznan a cara con cinza— para disfrazarse e confundir aos espíritos dos mortos que visitaban o mundo dos vivos nesas datas.

O Magosto está especialmente arraigado nas provincias de Lugo e Ourense, onde abundan os soutos de castiñeiros. En Ourense, o 11 de novembro —San Martiño, patrón da cidade— é festivo local e a noite anterior acolle os maiores magostos de Galicia. A castaña galega conta ademais con Indicación Xeográfica Protexida e expórtase a máis de 60 países.

+30 Anos de historia da Festa da Castaña do Courel (Lugo)
+25 Anos da Festa da Castaña e do Cogumelo de Riós (Ourense)
+60 Países aos que se exporta a Castaña de Galicia con I.X.P.

O Samaín: o bosque entre os vivos e os mortos

O Samaín —do gaélico Samhain, «fin do verán»— é a festa celta máis antiga do calendario galego, anterior ao propio cristianismo. Celebrábase o 31 de outubro, marcando o final das colleitas e o inicio do novo ano celta. Para os pobos celtas, esa noite o veo entre o mundo dos vivos e dos mortos adelgazaba, e os espíritos dos devanceiros regresaban ao fogar. Segundo o antropólogo Manuel Mandianes, «os mortos non se van, quedan nas casas, nos camiños, nas árbores».

Os ritos do Samaín celebrábanse ao redor do lume e no corazón do bosque. Como faróis para guiar ás ánimas e afastar os espíritos malignos, os galegos tallaban orixinalmente nabos —non cabazas, que chegaron de América moito máis tarde—, práctica que perviviu en diferentes zonas con nomes propios: calacús nas Rías Baixas, caveiras ou colondros noutras comarcas. O Samaín foi absorbido polo cristianismo co Día de Todos os Santos (1 de novembro), mais as tradicións populares nunca desapareceron do todo.

«Mentres haxa quen acenda unha fogueira e diga un nome, os mortos seguirán vivos.»
— Manuel Mandianes, antropólogo galego

A recuperación moderna do Samaín débese en boa parte ao mestre Rafael López Loureiro de Cedeira (A Coruña), que na década dos 90 documentou a súa pervivencia por toda Galicia e impulsou o seu rescate como alternativa galega ao Halloween. Hoxe celébrase con desfiles, contacontos de lendas e decoración de rúas en decenas de concellos.

A Noite de San Xoán: o carballo, o lume e as herbas

Na noite do 23 ao 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán, Galicia ilumínase coas súas cacharelas, fogueiras, laradas ou cachelas. É a festividade popular máis estendida do país: preto de 250 parroquias galegas están dedicadas a este santo, e a celebración da Coruña —concentrando máis de 150.000 persoas nas praias de Orzán e Riazor— foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2015. San Xoán Bautista é patrón de máis de 20 concellos galegos.

A festa ten raíces pagás precristiás: o solsticio de verán celta (Litha), no que o lume representa a victoria da luz e a purificación. As árbores teñen un papel protagonista nos seus ritos. Un dos máis coñecidos consiste en colocar a roupa na póla dun carballo, refregarse nel á media noite, bañarse nun río e vestir roupa nova: un rito de rexeneración total. Nas aldeas tamén se afumaban árbores e terras con fachóns como protección das colleitas contra as meigas.

As herbas de San Xoán son outro dos ritos máis vivos: recóllense ao serán do 23, sempre en número de 7 especies distintas, entre as que non poden faltar follas de carballo, nogueira, bidueiro ou ameneiro, xunto con fiúncho, fento macho, malva e romeu. Déixanse toda a noite en auga de sete fontes ao aire libre; pola mañá lávase a cara con elas para obter protección e saúde durante o ano. Segundo a tradición, se pola mañá as herbas están verdes agoiran prosperidade; se murcharon, anuncian infortunios.

A gastronomía do San Xoán

Sardiñas á brasa con pan de millo, viño e queimada co seu conxuro para afastar as meigas son os ingredientes inseparables da noite. O refrán resume a tradición: «Por San Xoán a sardiña molla o pan». As fogueiras sáltanse un número impar de veces —5, 7 ou 9— para purificar corpo e espírito de cara ao verán.

A Festa da Carballeira: o carballo como espazo de comunidade

As carballeiras foron durante séculos o espazo público das comunidades rurais galegas: o lugar onde se celebraban as romarías e festas patronais, onde os veciños tomaban decisións colectivas e onde se transmitía a memoria oral de xeración en xeración. Esta tradición pervive hoxe en festas que toman a carballeira como protagonista.

O exemplo máis representativo é a Festa da Carballeira de Zas (A Coruña), festival folk que se celebra dende 1984, organizado pola Asociación Cultural Castro-Meda. Cada segundo fin de semana de agosto, a carballeira de Velpazos —á beira dun río— convértese en auditorio natural para grupos de gaitas, pandeiretas e danza tradicional de toda Galicia e de fóra. En 2026 celebrou a súa 35ª edición. A gastronomía —pulpo, empanada, pementos de Padrón— e a artesanía local completan un evento que resume perfectamente o valor do carballo como centro da vida comunitaria galega.

O calendario festivo galego é, en esencia, o calendario do bosque: o carballo no solsticio de verán, o castiñeiro no outono. A árbore marca o tempo da comunidade.
Sección 03

Árbores e Identidade Cultural

A árbore como símbolo de casa, comunidade e memoria

3.1 A árbore como símbolo de casa, comunidade e memoria

En Galiza, as árbores nunca foron simples elementos da paisaxe. Ao longo de séculos, convertéronse en puntos de referencia da vida colectiva: baixo a súa sombra celebráronse festas, tomáronse decisións veciñais, cantouse e bailouse. A árbore é, en moitos casos, a memoria viva dunha comunidade.

O carballo é, sen dúbida, o símbolo identitario galego por excelencia. É un tótem no que a natureza se funde co humano e o humano coa natureza, e os carballos galegos xeran e conservan espazos sagrados.

«O día que saibamos o que vale unha árbore, non teremos necesidade de emigrar.»
— Alfonso Daniel Castelao

Un exemplo moi próximo atopámolo en Redondela: o Carballo das Cen Pólas de Reboreda foi definido polo seu propio presidente de amigos como «un fogar ao aire libre que é memoria viva das nosas festas e dos nosos encontros», e o acto da súa replantación contou coa participación veciñal e institucional, evocando as históricas xuntanzas do 15 de agosto nese mesmo lugar.

Esta relación profunda entre a árbore e a identidade galega foi captada tamén pola arte. Nas obras de Castelao son doados de identificar piñeiros, carballos, castiñeiros e bidueiros: esta fidelidade representativa é un xeito de reivindicar a autenticidade da paisaxe galega, e as árbores non son só parte do decorado, senón expresión da identidade do país.

As árbores senlleiras

As árbores senlleiras son o recoñecemento oficial desta memoria. A lexislación galega define as árbores senlleiras como aqueles exemplares dos que, polos seus valores naturais, culturais, científicos, estéticos ou paisaxísticos, sexa necesario asegurar a súa conservación.

+200 Exemplares catalogados como árbores senlleiras en Galiza
78 Especies diferentes baixo protección especial
2001 Ano de creación da figura legal de protección

3.2 O bosque como espazo comunitario e construción de mitos e lendas

O bosque galego non foi nunca un espazo neutro. Foi sempre un lugar de encontro, pero tamén de misterio. A carballeira funcionou durante séculos como o espazo público das aldeas: o lugar onde se reunía a veciñanza, onde se celebraban as festas e as romarías, e onde os maiores transmitían os seus saberes aos máis novos.

Pero o bosque era tamén o territorio do descoñecido, onde habitaban os seres do imaxinario popular galego.

A Santa Compaña

A Santa Compaña é un grupo de ánimas perdidas que vagan polos bosques de Galiza e que son símbolo de mal augur e morte. As carballeiras e os camiños entre árbores eran os escenarios favoritos das súas aparicións na tradición oral. Segundo os testemuños recollidos, ao pasar xunto a unha carballeira pola noite podíase atopar unha procesión de sabas brancas con farois que anunciaba a morte próxima dun ser querido.

As Mouras

As mouras son mulleres belísimas de cabelo louro que habitan nos bosques e espazos naturais, prometendo tesouros a quen as libere do seu encantamento. Son, segundo os expertos, unha das figuras máis relevantes da mitoloxía galega. A súa presenza nos bosques asociábase ao poder feminino da natureza e á fertilidade da terra.

Os Mouros

Os mouros son personaxes característicos da mitoloxía galega que protagonizan lendas sobre castros e lugares antigos. Son frecuentes as historias que falan de vigas de ouro que van dun castro a outro a través do bosque. A súa relación coas árbores e os montes reflicte a crenza de que o mundo subterráneo e o mundo dos vivos se comunicaban a través da natureza.

O Apalpador

O Apalpador é unha das figuras máis singulares da mitoloxía galega e a máis directamente ligada ao bosque como espazo de vida. Vive nas devesas das montañas galegas, onde aproveita a madeira para facer carbón. Descríbese como un xigante bondadoso de barba e cabelo roxo, cuberto cun pucho e cun gran bandullo, que percorre os vales con longas zancadas durante todo o ano.

A súa relación co bosque non é ocasional: durante o resto do ano vive dos froitos silvestres, caza algún que outro animal, recolle o mel e fai aparecer diferentes xoguetes que as madeiras do bosque esconde. O monte non é para el un lugar de paso, senón o seu fogar permanente, o espazo do que extrae todo o necesario para vivir en equilibrio coa natureza.

Nas noites do 24 ou 31 de decembro, segundo a comarca, abandona os cumes e baixa ás aldeas para visitar os nenos durmidos. Tócalles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, déixalles unha presada de castañas e desexálles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándo «así estexas todo o ano». O seu xesto non é un agasallo material: é un acto de coidado e de vixilancia comunitaria, propio dunha cultura onde a fame invernal era unha realidade.

O nome que recibe varía segundo o lugar: na zona de Monforte de Lemos é coñecido como Apalpa-Barrigas e na comarca da Terra de Trives como Pandigueiro. Equiparábase a outras figuras peninsulares e europeas representantes de «seres que viven no bosque», como o Olentzero en Euskal Herria. Hoxe, a figura do Apalpador recuperouse como símbolo da identidade galega no Nadal, en contraposición ao consumismo de Papá Noel.

O bosque era a fronteira entre o mundo coñecido e o descoñecido. Cruzalo de noite significaba adentrarse nun territorio onde as regras do mundo humano deixaban de aplicarse.
Sección 04

Organización Social das Árbores

Como se comunican e organizan os bosques

Durante séculos cremos que os árbores eran seres solitarios, inmóbiles e silenciosos, cada un loitando por si mesmo pola luz e a auga. A ciencia moderna veu desmontar completamente esa idea: os bosques son comunidades organizadas, con redes de comunicación, sistemas de axuda mutua e incluso xerarquías propias.

A Wood Wide Web: a internet do bosque

Baixo os nosos pés, mentres paseamos por unha carballeira ou un souto, existe unha infraestrutura invisible de comunicación. Esta rede foi bautizada polos científicos como a Wood Wide Web, un xogo de palabras con World Wide Web, debido á súa similitude con internet.

Dato clave

Máis do 90% das especies de plantas terrestres manteñen asociacións con fungos micorrízicos. O bosque galego atlántico, rico en humidade e materia orgánica, é un dos ecosistemas onde estas redes están máis desenvolvidas.

Esta rede está formada por fungos microscópicos chamados micorrizas, que viven adheridos ás raíces dos árbores e crean filamentos finísimos que se estenden polo chan e conectan múltiples plantas entre si, mesmo entre especies distintas. Grazas a esta simbiose, os árbores poden intercambiar nutrientes esenciais como carbono, nitróxeno, fósforo e auga.

Que intercambian os árbores?

Un árbol que recibe abundante luz solar pode transferir azucres producidos na fotosíntese a outro que se atope en sombra ou en condicións máis difíciles. Pero a comunicación vai moito máis alá: cando un árbol é atacado por insectos ou detecta cambios climáticos bruscos, emite sinais a través do micelio para avisar aos seus veciños sobre a ameaza antes de que sexa tarde.

90% Das plantas terrestres teñen asociacións micorrízicas
9 km² Pode cubrir unha soa rede de micelio subterránea
2000 Anos de antigüidade pode ter algunha rede de micelio

Os árbores nai: os nodos da rede

Dentro desta rede existe unha xerarquía clara. A ecóloga Suzanne Simard identificou os chamados «árbores nai», que actúan como nodos centrais: son capaces de recoñecer á súa propia descendencia e enviarlle recursos adicionais. Cando morren, estes exemplares anciáns verten carbono e compostos defensivos á rede, inundándoa de alimento e información en ben das xeracións futuras.

«Un bosque é moito máis do que se ve.» — Suzanne Simard, ecóloga da Universidade de Columbia Británica, tras 30 anos de investigación.

O bosque como superorganismo

Se aceptamos que os árbores recoñecen aos seus parentes, cooperan, avísanse entre si e apoian a rexeneración, entón debemos repensar a nosa idea do bosque: non como unha suma de árbores individuais, senón como unha estrutura interconectada de vida que funciona máis como unha organización que como un grupo de individuos illados.

Esta visión ten ademais consecuencias prácticas moi importantes para Galiza: a tala indiscriminada non só elimina individuos, senón que rompe redes completas que tardan décadas ou séculos en formarse. Cada vez que se tala un bosque autóctono galego para plantar eucalipto en monocultivo, non se está eliminando só madeira: estase destruíndo unha rede de relacións que tardou séculos en construírse.

Sección 05

Estado Actual e Ameazas

O bosque galego en perigo

O bosque galego atópase nun momento crítico. Mentres que durante séculos a relación entre os galegos e o seu monte foi de respecto e aproveitamento sostible, nas últimas décadas acumuláronse ameazas que están transformando de forma acelerada a paisaxe, a biodiversidade e a cultura forestal de Galiza.

5.1 Especies invasoras e monocultivos: a eucaliptización

A ameaza máis visible e debatida do bosque galego é a expansión descontrolada do eucalipto. En 48 anos, dende 1966 ata 2014, a extensión ocupada polo eucalipto en Galiza multiplicouse por 11, e o seu impacto é total: perda de biodiversidade, uniformación da masa arbórea, alteración dos recursos hídricos, empobrecemento do solo e proliferación dos incendios.

438.156 Hectáreas de eucalipto en Galiza en 2024
×11 Multiplicouse a superficie en 48 anos (1966–2014)
650 ha De bosque autóctono desaparecido en só 13 anos

O impacto sobre os bosques autóctonos é devastador. Segundo estudos recentes (Díaz-García e Regos, 2024), en só 13 anos desapareceron 650 hectáreas de bosques autóctonos, mentres que entre 1997 e 2022 a superficie de eucaliptos aumentou un 48,2%. As carballeiras, os soutos de castiñeiros e os bosques de ribeira están sendo substituídos por monocultivos destinados á industria da celulosa.

A moratoria e o seu fracaso

En 2021 a Xunta aprobou unha moratoria para frear as novas plantacións de eucalipto. Malia esta medida, en 2024 a superficie seguiu crecendo un 6% respecto a 2022. En 2024 talouse en Galicia 9,1 millóns de m³ de madeira: 5,3 millóns de eucalipto e só 254.000 de frondosas autóctonas.

5.2 Explotación do monte: eólicos, minería e celulosa

Máis alá do eucalipto, o monte galego enfronta outras presións derivadas da explotación industrial do territorio.

Os parques eólicos e o dilema enerxético

Galiza foi pioneira na enerxía eólica en España, e hoxe conta con máis de 180 parques en funcionamento con case 4.000 megawatts instalados. A transición enerxética require ampliar esta capacidade, pero a proliferación de proxectos xerou un conflito serio coa conservación dos ecosistemas forestais. Durante 2024 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu 151 autos sobre suspensión de parques eólicos, e admitiu a suspensión cautelar de 62 deles por risco de danos irreversibles ao entorno natural.

O proxecto Altri e a nova pasteira

Unha das controversias máis recentes é o proxecto da empresa portuguesa Altri para construír unha nova fábrica de celulosa en Palas de Rei. Segundo expertos do Consello da Cultura Galega, para satisfacer as necesidades desta nova pasteira serían necesarias entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais de eucalipto, o que causaría unha fractura total no territorio galego.

5.3 Perda de biodiversidade: fauna e flora ameazada

A destrución e fragmentación do bosque galego ten consecuencias directas e dramáticas para a fauna e a flora que dependen del. O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) recolle máis de 200 especies ameazadas, entre as que se atopan o mexilón de río, o cangrexo de río, o oso pardo, e decenas de plantas endémicas de Galiza.

Porén, a protección real destas especies é mínima: a Xunta de Galicia deixa sen o obrigatorio plan de protección ao 99% das especies ameazadas, e a superficie da Rede Natura 2000 en Galiza é só do 12% do territorio, fronte ao 27% de media no Estado español.

Especies xa extintas en Galiza

Entre as especies desaparecidas atópanse o lince ibérico e a pita do monte cantábrica, extinguida nos Ancares pola destrución do seu hábitat forestal, o cambio climático e o furtivismo.

Cando desaparece un souto de castiñeiros ou unha carballeira centenaria, non se perde só madeira: pérdese historia, cultura, biodiversidade e memoria colectiva.
Anexo

Roteiros de Árbores Senlleiras

Mapas interactivos do patrimonio arbóreo de Galicia

As árbores senlleiras son exemplares arbóreos de singular valor natural, histórico ou cultural, protexidos pola lexislación galega. Neste anexo presentamos dous mapas interactivos que permiten explorar este patrimonio vivo: o catálogo de árbores senlleiras e os monumentos naturais de Galicia.

Mapa 1 — Roteiro das Árbores Senlleiras de Redondela

Percorrido circular de ~51 km polas 8 árbores senlleiras do concello. Preme sobre cada punto para ver os detalles.

🗺️ Ruta Recomendada
1Sobreira da Peneda (O Viso)
↓ 8,5 km
2Érbedo de Cabeiro (San Xoán de Cabeiro)
↓ 10,5 km
3Sobreira do Cristo de Arriba (Reboreda)
↓ 9,5 km
4·5·6Pazo de Torres Agrelo (Reboreda)
↓ 11 km
7Calocedro do Pazo de Torrecedeira (Cedeira)
↓ barco
8Carreira de buxos, Illa de San Simón
≈ 51 km totais
⚠ Consultar horarios de barco para a Illa de San Simón

Fonte: Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia · Xunta de Galicia / Consellería de Medio Ambiente.

Mapa 2 — Roteiros de Árbores Senlleiras por Galicia

5 rutas polas árbores e formacións máis emblemáticas das catro provincias galegas. Preme sobre cada punto para ver os detalles, ou filtra por ruta co panel da dereita.

🗺️ Rutas
Todas as rutas
Ruta 1 Rías Baixas
Ruta 2 Interior Pontevedra
Ruta 3 Ourense
Ruta 4 A Coruña
Ruta 5 Lugo Mariña
🌿 Árbores
Ruta 1: Rías Baixas (Pontevedra)
Ruta 2: Interior de Pontevedra
Ruta 3: Ourense
Ruta 4: A Coruña
Ruta 5: Lugo Mariña

Fonte: Catálogo Galego de Árbores Senlleiras · Xunta de Galicia / Consellería de Medio Ambiente. Data de referencia: maio 2024.

Bibliografía

Referencias e Fontes

Fontes consultadas para a elaboración deste traballo

1. Árbores e Cultura Galega

1.1 Relación histórica poboación-bosque

Amarelante. Castiñeiro de Pumbariños. Recuperado de: amarelante.gal
GCiencia. Cinco árbores senlleiras que gardan séculos de historia en Galicia. Recuperado de: gciencia.com
ONCE. O Castiñeiro de Pumbariños de Souto de Rozavales. Recuperado de: once.es
Wikipedia Galega. Árbores senlleiras de Galicia. Recuperado de: gl.wikipedia.org
Mandianes Castro, M. Etnografía galega. Cultura espiritual. Fonte das referencias ao simbolismo das castañas e a relación entre as árbores e o mundo espiritual galego.

1.2 Ritos, crenzas e simbolismo

López Loureiro, R. Samaín: a festa dos mortos (1997). Documentación do rito dos nabos tallados e a recuperación do Samaín en Galicia.
Mandianes Castro, M. Etnografía galega. Cultura espiritual. Citas sobre os espíritos nas árbores e o mundo dos mortos na tradición galega.

1.3 O bosque na literatura, mitoloxía e imaxinario popular

Pondal, E. Queixumes dos pinos (1886). Fonte da cita do Himno Galego (Os Pinos).
Cunqueiro, Á. Obra literaria. Referencia ao tratamento do bosque e a mitoloxía galega na narrativa do século XX.

2. Árbores Galegas

2.1 Galería de especies

Wikimedia Commons. Fotografías das especies arbóreas. Licenza Creative Commons. Recuperado de: commons.wikimedia.org
Flora-On. Flora de Portugal e Galicia. Base de datos botánica. Recuperado de: flora-on.pt
Navaza Blanco, G. Fitotoponimia galega (2006). Fundación Pedro Barrié de la Maza. Fonte principal da información de toponimia das especies.

2.2 Festividades asociadas ás árbores galegas

Red de Municipios de la Celtiberia. Celebraciones del Calendario Céltico. Recuperado de: rmceltiberia.org
Wikipedia. Samhain. Recuperado de: es.wikipedia.org
Tebras, D. Lugnasad: las bodas de Lug — Fantasía Celta. Recuperado de: davidtebras.com
Arribeirados. Samaín, el Halloween celta gallego. Descubre su origen y sus tradiciones (2022). Recuperado de: arribeirados.com
Historia de Galicia. O Apalpador, a historia da recuperación do Nadal galego (2016). Recuperado de: historiadegalicia.gal
Wikipedia. Apalpador. Recuperado de: es.wikipedia.org
Misterios y Leyendas de Galicia y Asturias. Seres mitológicos gallegos: El Apalpador (2018). Recuperado de: misteriosleyendas…
Albariño.com. O magosto en Galicia. Recuperado de: albarino.com
Turismo de Galicia. Árbores singulares. Recuperado de: blog.turismo.gal

3. Árbores e Identidade Cultural

Consello da Cultura Galega. O carballo como símbolo identitario galego. Recuperado de: consellodacultura.gal
Faro de Vigo. O Carballo das Cen Pólas de Reboreda, Redondela. Recuperado de: farodevigo.es
GCiencia. Mapa dixital de árbores e formacións senlleiras de Galicia. Recuperado de: gciencia.com
Wikipedia galega. Árbores senlleiras de Galicia. Recuperado de: gl.wikipedia.org
Galicia Mística. A Santa Compaña: orixe e tradicións. Recuperado de: galiciamistica.com
Mitolóxicas. As Mouras na mitoloxía galega. Recuperado de: mitoloxicas.gal
Turismo de Galicia. Os Mouros e o imaxinario popular galego. Recuperado de: turismo.gal

4. Organización Social das Árbores

Forestal Maderero. Micorrizas: una simbiosis fascinante en el bosque. Recuperado de: forestalmaderero.com
Simard, S. Finding the Mother Tree: Discovering the Wisdom of the Forest (2021). Allen Lane.
Wohlleben, P. La vida secreta de los árboles (2016). Obelisco.
National Geographic España. La Wood Wide Web: la red de comunicación de los bosques. Recuperado de: nationalgeographic.com.es

5. Estado Actual e Ameazas

Consello da Cultura Galega. O eucalipto en Galicia: impacto cultural e ambiental. Recuperado de: consellodacultura.gal
GCiencia. O eucalipto de Galicia (2024): 438.156 hectáreas e crecendo. Recuperado de: gciencia.com
Díaz-García, C. & Regos, A. Cambios na cobertura do bosque autóctono galego 2010–2023 (2024). Universidade de Santiago de Compostela.
Ecologistas en Acción Galicia. Impacto dos parques eólicos sobre o monte galego (2024). Recuperado de: ecologistasenaccion.org
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Autos de suspensión de parques eólicos (2024). Recuperado de: xunta.gal
Praza Pública. A nova pasteira de Altri e os seus impactos sobre o territorio galego (2024). Recuperado de: praza.gal
Xunta de Galicia. Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). Recuperado de: xunta.gal
WWF España. Especies ameazadas no bosque galego (2024). Recuperado de: wwf.es
GCiencia. A pita do monte cantábrica e a súa extinción en Galiza. Recuperado de: gciencia.com

Anexo: Roteiros de Árbores Senlleiras

Roteiro de Redondela

Deputación de Pontevedra (DEPO). Fichas individuais de cada especie vexetal senlleira. Recuperado de: depo.gal
Xunta de Galicia / Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Recuperado de: medioambiente.xunta.gal

Roteiro de Galicia

Xunta de Galicia / Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (Decreto 67/2007 e actualizacións posteriores). Recuperado de: medioambiente.xunta.gal
Xunta de Galicia. Infografía «Árbores Senlleiras de Galicia — Ruta polos árbores e formacións máis emblemáticas das catro provincias galegas». Data de referencia: maio 2024. Fonte principal para os 15 puntos, as 5 rutas e as descricións do roteiro.
🤖 Nota sobre o uso da intelixencia artificial

Parte da criba, estruturación e contraste da información deste traballo realizouse coa asistencia de Claude (Anthropic). En todos os casos, a información xerada pola IA foi contrastada antes de ser incluída.

🌿 Dicionario de Árbores Galegas
Significado simbólico
Toponimia